O premio Frei Martín Sarmiento naceu no ano 2003 co obxectivo fundamental de fomentar a lectura do libro en galego entre o alumnado pertencente á rede de Escolas Católicas.
Este galardón, que leva o nome dun grande ilustrado do século XVIII amante da lingua, da cultura e do noso país, é un dos máis queridos para a nosa federación. Cada ano, un grupo de profesores le as novidades publicadas polas distintas editoriais ao longo do curso. Deste proceso saen os finalistas nas seis categorías: Infantil; 1ª categoría: 1º e 2º de Primaria; 2ª categoría: 3º e 4º de Primaria; 3ª categoría: 5º e 6º de Primaria; 4ª categoría: 1º e 2º ESO; 5ª categoría: 3º e 4º ESO; 6ª categoría: Bach e adultos.
Posteriormente, ao redor de 3.000 alumnos/as participan nas lecturas dos libros finalistas e, tras as súas valoracións, coñecemos quen é o autor/a gañador de cada ano. Para valorar as obras, remitimos aos colexios unha ficha coas categorías e o alumnado só ten que que ter en conta un criterio: “Que libro che gusta máis?”. Deben puntualo de 1 a 10.
A obra que obteña máis puntuación, será a gañadora. Os galardóns entréganse nunha cerimonia a finais de maio, xunto cos galardoados no certame de curtametraxes REC.curta, á que asisten os autores/as gañadores, representantes das editoriais, o secretario xeral de Política Lingüística e as coordinadoras territoriais dos EDLG, representantes do Festival de Cans, ademais de profesorado, alumnado e pais dos nosos colexios.